2012-05-26: Because of issues the with source code management for MediaWiki extensions, no exports of translations can be made at the moment. Our apologies. All your translations will of course be updated as soon as the issue is resolved. (Other news...)
Project:Acerca de
Translatewiki.net é unha plataforma de localización para as comunidades de tradución, comunidades lingüísticas e proxectos libres de código aberto. Comezou como proxecto para a localización de MediaWiki. Máis tarde, engadiu soporte para as extensións de MediaWiki, FreeCol e outros proxectos libres de código aberto. Bote unha ollada á lista completa de proxectos soportados.
Translatewiki.net non é parte dos proxectos da Fundación Wikimedia, nin de fundación ningunha ou proxecto de código aberto. O sitio está xestionado e mantido por Nike e Siebrand, ambos os dous desenvolvedores e cunha considerable experiencia en i18n e L10n, e por outro persoal. A característica de tradución vén proporcionada pola extensión Translate de MediaWiki. Este wiki sempre contén código experimental e pode deixar de estar operativo de cando en vez. Sexa paciente, os problemas adóitanse arranxar axiña. Para informar sobre algún problema pode acudir á páxina de asistencia.
Dereitos de autor e advertencias
Empregue as traducións presentes en translatewiki.net baixo o seu propio risco. Pretenden ser útiles, pero translatewiki.net non pode garantir a validez dos contidos que aquí se atopan.
Translatewiki.net e os seus editores non dan garantían ningunha sobre os contidos de ningunha maneira, sexa expresa, implícita ou estatutaria, incluíndo, pero non limitado a, calquera garantía de comercialización ou adecuación a unha finalidade específica ou calquera garantía de que os contidos están libres de erros.
As traducións dos tradutores libéranse baixo a licenza CC-BY 3.0 e as obras derivadas poden estar cubertas tamén polas licenzas dos respectivos proxectos de código aberto e libre ás que foron ou serán engadidas as traducións. Os contidos das páxinas de usuario considéranse con "todos os dereitos reservados" polo autor. Calquera outro contido está baixo a licenza CC-BY 3.0 agás que se especifique explicitamente outra licenza ou outros dereitos de autor.
Historia
Translatewiki.net iniciou a súa actividade durante 2006 como wiki de probas, desenvolvido por Nike, en colaboración con Gangleri, como unha ferramenta de internacionalización do software de MediaWiki. Comezou baixo o nome Betawiki, que pasou a ser translatewiki.net a comezos de 2009, despois de que o sitio se trasladase a un servidor virtual de hospedaxe baixo o seu propio nome de dominio, o 9 de novembro de 2007. En outubro de 2007, translatewiki.net contribuía á localización dunhas 70 linguas, cifra que a xuño de 2010 medrara ata as 329 linguas. A evolución do número de linguas pódese ollar na táboa de fitos de tradución. En xaneiro de 2010, foi necesario un aumento das capacidades do servidor, co fin de responder ao incremento na actividade. Netcup alberga xenerosamente translatewiki.net desde novembro de 2007.
Gradualmente, outros proxectos libres e de código aberto fóronse engadindo a translatewiki.net, comezando polo FreeCol en agosto de 2007. En xuño de 2010, o número de proxectos soportados medrara ata os 16.
Os colaboradores de translatewiki.net son voluntarios, agás un membro do persoal que recibe financiamento por unha parte do seu tempo (olle a sección sobre o financiamento). Os desenvolvedores, administradores e tradutores recrutáronse inicialmente dos proxectos de MediaWiki, especialmente da Wikimedia. A maioría dos nosos colaboradores seguen a chegar a través de MediaWiki, pero a medida que hai máis proxectos soportados, MediaWiki non é a única fonte de colaboradores. En xuño de 2010, o número de tradutores rexistrados ascendía a 1.860.
En colaboración con Stichting Open Progress e FUDforum, translatewiki.net organizou varias competicións de tradución con premios para os tradutores, co obxectivo de mellorar as localizacións de MediaWiki e FUDforum.
- En 2008, a ONG holandesa Hivos forneceu fondos a través de Stichting Open Progress. Os cartos eran para usarse co fin de proporcionar premios polas traducións nunha lista de 70 das 80 linguas faladas en África, Asia e Latinoamérica que teñen un gran número de falantes, pero que contan cun soporte insuficiente en MediaWiki.
- A finais de 2008, celebrouse unha competición de tradución aberta a todos os tradutores.
- Durante agosto de 2009 organizouse outra competición de tradución, financiada por Wikimedia Nederland, o capítulo holandés da Wikimedia.
- Wikimedia Nederland tamén financiou a competición de finais do ano 2009.
Os obxectivos de translatewiki.net descríbense na introdución. As tecnoloxías auxiliares para os tradutores detállanse na páxina sobre a tecnoloxía. Estas axudas están en continua expansión e mellora co fin de facer o traballo de tradución o máis eficiente posible. As necesidades actuais do sitio e o desenvolvemento atópanse descritos en Todo e Issues and features.
Financiamento
- Translatewiki.net está albergada en Netcup – webspace and vServer, a expensas propias desde novembro de 2007, con actualizacións en febreiro de 2008 e xaneiro de 2010.
- O GoogleAds introduciuse en agosto de 2008, pero ata o de agora xerou moi poucos beneficios: menos de 150 euros.
- Stichting Open Progress organizou de cando en vez o financiamento das competicións para mellorar a localización de MediaWiki, como está explicado antes.
- En outubro de 2009 a Fundación Wikimedia contratou a Siebrand para traballar un día á semana en translatewiki.net durante un ano.
A xente detrás de translatewiki.net
Equipo principal
Os membros do equipo principal participan case todos os días na execución de translatewiki.net. Tamén teñen acceso aos servidores e son os responsables de que as cousas vaian como deben, cos menos problemas posibles. Para obter máis información, consulte as súas respectivas páxinas de usuario.
- Nike
- Fundador, principalmente encargado dos traballos de desenvolvemento
- Siebrand
- Administrador da comunidade, coordinador do proxecto, desenvolvedor
- Raymond
- Importador de traducións de MediaWiki, desenvolvedor
Tamén dependemos do traballo feito por outros membros da nosa comunidade:
- Gangleri – Precursor, xa non está activo
- GerardM – Embaixador, publicidade por contacto directo, blogues, StatusNet, Twitter
- Todos os contactos en cada proxecto
- Todos os tradutores e outros membros do proxecto
Grupos
Todos os colaboradores están organizados en varios grupos, cada grupo cos seus privilexios. Como noutros wikis, aqueles que se rexistran no wiki denomínanse usuarios. Os usuarios reciben unha confirmación automática 4 días despois do seu rexistro, permitíndolles enviar correos electrónicos a outros usuarios. Os administradores teñen máis privilexios, principalmente en relación con protexer o sitio dos vandalismos. Os burócratas teñen privilexios adicionais, como atribuír e retirar dereitos de usuario, pero son os membros do persoal os que conceden dereitos de burócrata. Os bots son contas de usuario que poden levar a cabo tarefas de xeito automático. O dereito de importación, que permite aos usuarios importar páxinas doutros wikis, rara vez se utiliza aquí.
Ademais destes grupos habituais, translatewiki.net tamén ten grupos especiais para o seu obxectivo. Os tradutores poden editar os espazos de nomes protexidos, mediante a interface de tradución. Algúns tradutores poden traballar desconectados nas súas traducións. Os membros do persoal son os xestores do conxunto do sitio. Estes últimos importan as mensaxes a traducir e trasladan as traducións completadas aos proxectos que usan translatewiki.net. Tamén poden modificar as mensaxes orixinais en inglés directamente en certos proxectos, incluído MediaWiki. Por último, xestionan todos os aspectos do software empregado aquí.
Os dereitos ligados a cada grupo de usuarios están listados na páxina Dereitos dun usuario segundo o seu grupo. A lista dos membros de cada grupo pódese consultar na páxina Lista de usuarios
Exploración
- A maioría dos colaboradores están familiarizados co software wiki. Se é novo con esta tecnoloxía pode aprender os conceptos básicos e atopar axuda sobre como editar en MediaWiki.org.
- Descubra máis sobre o traballo dos tradutores nesta introdución á tradución.
- Información técnica sobre o software empregado actualmente por translatewiki.net.
- Translatewiki.net produce estatísticas para seguir os progresos nas traducións, por lingua e por proxecto. Explore as estatísticas e outra información na páxina xeral de estatísticas.
Vista xeral do método de translatewiki.net
- En translatewiki.net os tradutores traducen a interface do software daqueles produtos dos que se illaron as cadeas de texto en inglés do resto do código, organizadas en "mensaxes" individuais.
- Cando se une un novo proxecto, impórtanse as mensaxes orixinais en inglés. De cando en vez, aparecen novas mensaxes en inglés.
- As traducións pódense facer para cada mensaxe nunha subpáxina separada da orixinal en inglés para cada lingua; /xxx para o código de lingua xxx.
- As subpáxinas que rematan en "/qqq" empréganse para a documentación das mensaxes. A documentación está escrita manualmente e a miúdo ten maior calidade se houbo unha boa comunicación co equipo de desenvolvemento orixinal do software. Se os comentarios do código fonte son parte do proxecto, tamén aparecen na interface de tradución.
- Os tradutores realizan suxestións para mellorar ou corrixir as mensaxes orixinais en inglés ou para adaptalas segundo a localización. En caso de estar de acordo, estas modificacións inclúense por parte dos membros de translatewiki.net que tamén son desenvolvedores dos proxectos ou infórmase aos desenvolvedores dos proxectos afectados.
- O persoal de translatewiki.net traslada as traducións completadas en cada lingua aos proxectos, en canto o número total de traducóns dun proxecto nesa lingua supera o umbral aceptado de mensaxes mínimas para ese proxecto. Para comprobar os datos de frecuencia e os umbrais bote unha ollada ás páxinas dos proxectos.
- A integración das traducións no software está controlada e executada polos administradores dese proxecto, fóra do control de translatewiki.net.
- Os tradutores que traballan en MediaWiki tamén traducen os nomes das páxinas especiais, as palabras máxicas e os espazos de nomes empregando a tradución estendida de MediaWiki.
- Cando se engade unha nova lingua a translatewiki.net, os elementos localizados ao principio inclúen a escritura e a súa dirección e unha lingua de substitución; outros elementos localizados poden incluír o formato de data e hora, o formato dos números e as funcións de plural, gramática e sexo. A converxencia cos datos de localización CLDR está en consideración. Arestora, os únicos datos tomados directamente de CLDR a translatewiki.net, e a MediaWiki, son os nomes localizados das linguas.
Contacte con nós
Pode deixar unha mensaxe na nosa principal páxina de conversa: Support. Se prefire o debate en vivo, probe a nosa canle de IRC #mediawiki-i18n no freenode. Non é o que nós preferimos, pero se así o quere por motivos de seguridade ou anonimato, pode empregar os correos electrónicos como método de contacto no enderezo "translatewiki ARROBA xs4all PUNTO nl", substituíndo "ARROBA" por "@" e "PUNTO" por "." e eliminando os espazos.
- Pode debater sobre calquera problema en relación a unha lingua en particular cos seus tradutores na páxina de conversa do portal desa lingua.
- Pode debater sobre calquera problema en relación a un proxecto en particular coa ligazón cos desenvolvedores na páxina de conversa da páxina dese proxecto.
- Pode debater sobre calquera problema con algún usuario en particular na súa páxina de conversa ou por correo electrónico (prema na ligazón presente na barra lateral da súa páxina de usuario), se elixiron dar o seu enderezo.



