User:MarkAHershberger/blog-RTL-Developers-wanted/gl
MediaWiki fai funcionar os máis grandes e coñecidos wikis do mundo. Como resultado da popularidade e utilidade da Wikipedia, así como da paixón da súa comunidade, non coñezo outro software con mellor soporte i18n. Proxectos como translatewiki.net e a extensión Narayam foron creados para mellorar este soporte i18n de localización e internacionalización. Estes son os mellores argumentos para a existencia do software libre: dar á xente o control do software para conseguir un mellor funcionamento coas achegas de todos. O resultado é un programa mellor feito.
Malia este soporte, MediaWiki e Wikipedia teñen carencias nalgúns aspectos importantes. Unha das máis obvias aparece nas linguas escritas da dereita á esquerda. Realmente intentamos arranxar estes problemas, pero a maioría dos nosos desenvolvedores traballan en linguas que se escriben da esquerda á dereita, de modo que non nos decatamos dos problemas tan rápido. Non atopamos estes problemas tan a miúdo e os usuarios de wikis con escrituras da dereita á esquerda como o العربية (árabe), فارسی (persa) e עברית (hebreo) non teñen o soporte máis axeitado.
Cada unha destas linguas ten un wiki con máis de 100.000 artigos. Estou seguro de que alguén dos que colabora nestes grandes wikis ten os coñecementos necesarios para amañar algún dos erros que probablemente lle estea a amolar.
Coido que quizais os desenvolvedores en linguas da dereita á esquerda e aqueles con escrituras da esquerda á dereita non se comunican abondo. De modo que se es un desenvolvedor de linguas da dereita á esquerda déixame dicirche claramente: Necesitámoste! Tes algo que os nosos desenvolvedores de MediaWiki non teñen nestes intres; tes algo que necesitamos desesperadamente. Atopa un erro, envía unha corrección e o teu código fará funcionar a Wikipedia!
Algúns erros para comezar:
- Os títulos de artigos con formato da esquerda á dereita nos wikis con escrituras da dereita á esquerda aparecen incorrectamente nas categorías e páxinas especiais
- Texto mal aliñado nas páxinas dos ficheiros (nos wikis con escrituras da dereita á esquerda soamente)
- A dirección de lectura das definicións debe coincidir coa da lingua na que están escritas
- Véxase tamén: Seguimento dos erros para todos os problemas da dirección de dereita a esquerda
Por último, hai unha característica que falta en MediaWiki e que está resumida no Erro 6100: Permitir unha dirección de lectura diferente para a interface de usuario e os contidos do wiki. Espero atopar os recursos para conseguir corrixir estes problemas axiña.